Wednesday 08 de May de 2024

O Concello distingue ao arquitecto Andrés Fernández-Albalat como Fillo Predilecto da Coruña


Inés Rey: “Albalat, arquitecto e mestre de arquitectos, recibe hoxe o recoñecemento que merece como parte esencial da construción da nosa paisaxe urbana, como principal soñador da súa imaxe metropolitana”

O Goberno municipal, familiares, amigos e compañeiros de profesión renderon homenaxe a unha figura imprescindible para A Coruña actual

O Concello da Coruña concedeulle hoxe ao arquitecto Andrés Fernández-Albalat a distinción de Fillo Predilecto da cidade a título póstumo, xusto o día no que se cumpre o segundo aniversario da súa morte. O Palacio Municipal acolleu un acto no que estiveron presentes familiares (entre eles os seus fillos: Mercedes, María, Rosario, Andrés, Belén e María Paz), amigos, compañeiros de profesión e persoas vinculadas á obra do coruñés. Foi o neto do arquitecto, Fernando González Fernández-Albalat, quen recolleu de mans da alcaldesa a placa conmemorativa.

A declaración como fillo predilecto de Andrés Fernández-Albalat foi aprobada por unanimidade dos membros da Comisión de Honras e Distincións do Concello da Coruña e motivada pola petición de dúas institucións que marcaron a vida do arquitecto: a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, das que Fernández-Albalat foi profesor e decano fundador, respectivamente. O Pleno municipal aprobou este nomeamento en outubro de 2020.

“Albalat, arquitecto e mestre de arquitectos, recibe hoxe o recoñecemento que merece como parte esencial da construción da nosa paisaxe urbana, como principal soñador da súa imaxe metropolitana”, sinalou a alcaldesa Inés Rey durante o acto. Fernández-Albalat achegou a arquitectura galega á modernidade e plasmou o seu pensamento en numerosos edificios da cidade, que son hoxe recoñecidos pola súa singularidade. É o caso da fábrica de Coca-Cola, o edificio Martí-Villardefrancos, os Escolapios, os Dominicos, Marineda Motor, a Hípica ou o Casino.

“Don Andrés aplicou á imaxe da nosa cidade algunhas das ideas máis actuais do desenvolvemento urbano, analizando usos futuros, circulacións, interacción rururbana, conceptos todos eles nos que foi pioneiro na súa utilización e exposición”, engadiu aalcaldesa. Lembrouse tamén durante o acto un dos proxectos máis ambiciosos da carreira de Andrés Fernández-Albalat: a Cidade das Rías. Tratouse dun proxecto para crear unha gran cidade vertebrada pola Coruña como metrópole rexional. “Cidade das Rías foi un soño que nos toca as xeracións actuais orientar cara un proxecto metropolitano no que o plan
territorial ten que xogar un papel fundamental”, engadiu a alcaldesa.

Coa concesión a Andrés Fernández-Albalat desta distinción de Fillo Predilecto da cidade, a Coruña paga unha débeda histórica cunha das grandes figuras da arquitectura galega. “Dende o Goberno municipal seguiremos traballando para que esa modernidade, coa que el nos distinguiu, continúe a ser un sinal de identidade da nosa cidade en todo o mundo”, concluíu Inés Rey.